O terceiro Concurso Balbino de Relatos admite textos sobre o rural, o mar e a emigración

O prazo de presentación dos orixinais estará aberto ata o 30 de xuño e o premio terá unha dotación económica de 1.500 euros, ademais da publicación da obra gañadora por parte de Edicións Fervenza

251
Pola esquerda, Manuel Núñez, Valentín García, Xosé Leal e Luís Reimóndez
Publicidade

 

O pazo compostelán de San Roque acolleu esta semana a presentación da terceira edición do Concurso Balbino de Relatos, impulsado pola empresa silledense Técnicas & Gramaxe co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Fundación Xosé Neira Vilas, os concellos de Vila de Cruces e Boqueixón e a Deputación Provincial de Pontevedra.

Nesta terceira convocatoria, o certame, que ten como obxectivo promover a literatura escrita en lingua galega e apoiar tanto ás escritoras e escritores noveis como aos xa consagrados, vén de ampliar a temática dos traballos que poden concorrer a el. Así, ademais dos temas referentes ao rural, tamén se engaden os do mar e a emigración.

“Este concurso é un exemplo de iniciativa cultural plural na que participamos tanto administracións coma outras entidades arredor dos motivos que consagraron para sempre a obra neiraviliana; un proxecto co que o pai literario de Balbino, sen dúbida, se sentiría moi honrado”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación, na que tamén participaron o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez; o deputado provincial de Cultura de Pontevedra, Xosé Leal; e mais o responsable de Técnicas & Gramaxe/Edicións Fervenza, Manuel Núñez.

As autoras e autores que así o desexen poderán presentar a este 3º Concurso Balbino de Relatos os seus textos orixinais, propios e inéditos (relatos ou serie de relatos) inspirados nas mencionadas temáticas ata o vindeiro 30 de xuño para concorreren a un premio único de 1.500 euros e á publicación da obra por Edicións Fervenza.

Na súa primeira edición fíxose co premio o coruñés Xián Lois Alcayde Dans, pola obra Camiños na sombra, e na segunda o ourensán Ricardo Cid, pola obra De que falarán as árbores.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome