A Xunta destinará 2,8 millóns de euros a axudas para rehabilitar vivendas nos Camiños de Santiago

A área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago comprende 445 parroquias de 107 concellos das catro provincias galegas

232
Publicidade

 

A Xunta de Galicia destinará máis de 2,8 millóns de euros ás axudas de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas no marco da recuperación integral dos Camiños de Santiago.

Así o establece a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 24 de xaneiro, pola que se regulan e convocan ditas axudas, das que poderán beneficiarse as comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean emprazadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago e estean en posesión da correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

As obras de rehabilitación deberán estar rematadas e calificadas definitivamente antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes das axudas (31 de outubro). As que non cumpran estes requisitos poderán beneficiarse das axudas en posteriores convocatorias das mesmas, xa que na Ari dos Camiños de Santiago o prazo para a solicitar a calificación provisional (antes da finalización das obras) e a calificación definitiva (unha vez rematadas as obras) está aberto permanentemente. Unicamente a solicitude das subvencións está sometida a unha convocatoria anual como a que hoxe publica o DOG e cun período determinado para a solicitude da axuda.

O importe máximo da axuda será de 15.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán de financiamento estatal e non poderán poderán cubrir ata o 35 por cento do orzamento e 4.000 de financiamento autonómico, co límite máximo do 10 por cento do orzamento.

As persoas interesadas en acceder a estas axudas poderán solicitalas ata o 31 de outubro de 2018, salvo que se esgote antes o crédito orzamentario.

A área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago foi creada o 17 de decembro de 2010, en acordo da Comisión Bilateral de Vivenda Xunta-Ministerio de Fomento.

A delimitación da ARI comprende o trazado das setes rutas do camiño en Galicia:

  • Francés: desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
  • Da Prata I: desde A Mezquita ou Verín ata Ourense e da Prata II. Dende Ourense ata Santiago de Compostela
  • Inglés: desde Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
  • Primitivo: desde A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
  • Norte: desde Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
  • Fisterra-Muxía: desde Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
  • Portugués: desde Tui a Santiago de Compostela

A de 2018 é a cuarta convocatoria de axudas da ARI dos Camiños de Santiago. Ao abeiro das tres anteriores xa se rehabilitaron 275 vivendas, con axudas de máis de 1,6 millóns de euros.

A área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago comprende 445 parroquias de 107 concellos das catro provincias galegas. Nas zonas de carácter rural o ámbito da área de rehabilitación comprende a totalidade da parroquia, de maneira que todas as vivendas da mesma que cumpran os requisitos poden beneficiarse das axudas establecidas. Nas zonas urbanas o ámbito da ARI restrínxese ao trazado do Camiño.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome