A 32ª Feira do Moble distribúe 4.500 exemplares dunha revista promocional para atraer visitantes

O presidente da ACE, Fernando Martínez, invita aos expositores a "exhibir mobles bos e novos" para aproveitar "as boas expectativas" dunha edición que "marcará o inicio dunha nova etapa da feira"

254
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o xerente da Fundación de Exposicións e Congresos, Nemesio Rey; e o presidente da Asociación Comarcal de Empresarios, Fernando Martínez, amosan a revista promocional da 32ª Feira do Moble de Galicia
Publicidade

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, entidade organizadora da 32ª Feira do Moble de Galicia, presentou esta semana unha revista promocional sobre o certame e os 65 expositores participantes, da que se distribuirán 4.500 exemplares co obxectivo de atraer a milleiros de visitantes ata o recinto feiral da Estrada entre o 19 e o 23 de setembro. Dita revista xa está a disposición dos usuarios na páxina web da Feira do Moble.

Xunto co xerente da fundación, Nemesio Rey, na rolda de prensa ofrecida no salón de actos participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Asociación Comarcal de Empresarios, Fernando Martínez.

Cando faltan menos de 15 días para que se inaugure a feira -o mércores 19, ás 12.30 horas-, Nemesio Rey agradeceu a implicación de tódolas persoas, entidades e institucións que posibilitaron a edición desta revista, entre os que citou á Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello da Estrada e o GDR Terras de Pontevedra Norte.

En relación cos preparativos da feira, o xerente lembrou os tres cambios substanciais introducidos este ano co ánimo de relanzala: en primeiro lugar, a redución da duración da feira, pasando de nove a cinco días, e a redistribución do espazo de exposición, a través da retirada dos clásicos stands fixos e da ubicación da meirande parte das empresas da Estrada no pavillón 3, que será o da entrada na feira; en segundo lugar, a limitación de expositores de sectores complementarios e “de recheo” e unha maior aposta polos expositores de mobiliario, interiorismo e decoración -confirmou que asistirán 65 expositores en total, dos cales 15 son da contorna da Estrada-; e en terceiro lugar, un reforzo do investimento en publicidade e comunicación para tratar de captar novo público, a través de ferramentas como a revista presentada hoxe.

Valentín García

Pola súa parte, Valentín García, destacou “a relevancia da Feira do Moble para a potenciación da zona da Estrada” e remarcou a implicación de distintos departamentos da Xunta de Galicia para posibilitar a súa edición, entre os que citou á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería do Medio Rural (a través de Agader), ademais da propia Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O secretario xeral aplaudiu que a comunicación da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada se realice en galego tanto na páxina web www.feiradomoble.gal como nesta revista porque considera preciso “entender a aposta pola lingua galega como sinal da denominación de orixe e da autenticidade do moble galego”.

Mensaxe para os expositores

En canto ao presidente da ACE, Fernando Martínez aproveitou a súa intervención para recoñecer que “a introdución de cambios importantes na feira” e para manifestar a súa esperanza “en que dean bo resultado”: “agora o máis importante van ser os expositores e por iso lles pido que veñan exhibir materiais e mobles bos e novos; é certo que nos últimos anos había a tendencia de repetir deseños e estábase a perder valor, pero penso que nesta edición vai haber grandes sorpresas e vaise marcar o inicio dunha nova etapa da feira”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome