A AED exhibe “vitalidade” e “músculo empresarial” no peche do 25º Aniversario

Un total de 230 persoas entre autoriades, convidados e asociados asistiron á cea-gala celebrada no Pazo de Bendoiro

256
Os comensais da mesa presidencial, encabezada por Alberto Núñez Feijóo, escoitan a intervención do presidente da AED, Antonio Lamas
Publicidade

 

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) deu por finalizadas onte as actividades do seu 25º Aniversario cunha cea-gala no Pazo de Bendoiro á que asistiron 230 persoas, entre autoridades, convidados e asociados, e que, en palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, demostrou “a vitalidade” da asociación e o “músculo empresarial” de toda a Comarca de Deza.

Entre os asistentes, ademais do presidente da Xunta e dos integrantes da directiva encabezada por Antonio Lamas, atopábanse o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; os alcaldes de Lalín (Rafael Cuiña), Agolada (Ramiro Varela) e Rodeiro (Luis López) e o tenente de alcalde de Dozón (Adolfo Campos); o deputado provincial Carlos López Font; o senador José Crespo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros; o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas; e o presidente de AJE Pontevedra, Pablo Fernández; e varios socios fundadores e  ex presidentes da AED, entre outros convidados, ademais do cantante Roi Casal, cuxa actuación pechou o evento.

Tras un breve cóctel, o evento comezou coas intervencións institucionais, que abriu o presidente da AED, Antonio Lamas, agradecéndolle aos 11 empresarios fundadores “que souberan interpretar que a unión fai a forza e tiveran a determinación de fundar un colectivo sen o que non se entenderían moitos dos logros e avances da Comarca de Deza”. Antonio Lamas agradeceu tamén a presenza do presidente da Xunta “non tanto para que marche coa visión do que a AED foi nestes 25 primeiros anos de vida, senón, sobre todo, para que perciba o que é día de hoxe e o que está disposta a ser coa colaboración da Xunta de Galicia para seguir xerando riqueza, emprego e oportunidades de futuro”.

Antonio Lamas entregoulle ao presidente da Xunta unha figura conmemorativa

Na súa intervención, o presidente da AED tamén incidiu na necesidade de ampliar o solo industrial en Lalín: “tendo en conta que gozamos dunha situación xeográfica privilexiada, precisamos que máis pronto que tarde as empresas que queiran instalarse aquí dispoñan da superficie necesaria, e a uns prezos asequibles, para poder facelo. Somos conscientes de que o escenario macroeconómico mudou substancialmente e a planificación deste tipo de actuacións que requiren tantos recursos públicos non pode acometerse tan á lixeira como en tempos pasados, pero só pedimos que, sen présa pero sen pausa, se comece a traballar nesa posibilidade. Presidente, saiba que aquí, na AED, a Xunta de Galicia e tamén as demais administracións teñen un aliado”.

Tras o presidente da AED interviron o deputado provincial Carlos López Font, que puxo en valor “o dinamismo” da AED e o seu “carácter reivindicativo” diante das administracións, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, que incidiu na necesidade de que tódalas empresas que desexen asentarse en Lalín dispoñan de xeito urxente da superficie necesaria para facelo.

Intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

Alberto Núñez Feijóo

Pechou a quenda de intervencións o presidente a Xunta de Galicia, que gabou a traxectoria do tecido empresarial dezano: “sodes un exemplo de empuxe, un exemplo de optimismo, un exemplo de sacrificio e de saber facer, porque esta comarca sempre nos sorprende positivamente; sorprendeunos durante a crise porque aguantou, aínda que sufriu, e sorpréndenos agora no inicio da a recuperación económica, que espero que se consolide, porque volve acreditar que se poden facer moitas cousas dende Lalín para Galicia e para o conxunto de España”. “Esta fórmula de saber facer, apoiándose nas últimas innovacións, pero sen renunciar as nosas tradicións é, sen dúbida, unha das claves do éxito dos pequenos e grandes proxectos empresariais da comarca”, aseverou, durante a gala do 25 aniversario da asociación.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que a implicación dos emprendedores é esencial para garantir o avance de Galicia na vindeira década e apuntou que a economía galega medra por terceiro ano consecutivo por riba do 3% e adiantou que as previsións para este ano e o que vén son seguir facéndoo por riba do 2,5% (este 2018 o 2,8%). Así mesmo, lembrou os datos da EPA do terceiro trimestre: 20.700 ocupados máis que hai un ano, cunha taxa de paro que baixou ata o 12,2%, sendo a taxa máis baixa desde 2009, e con 34.700 contratos indefinidos máis que o ano pasado. No tocante ás exportacións, o titular da Xunta subliñou que a Comunidade galega leva superando o seu récord de exportacións durante tres anos seguidos e vai camiño do cuarto, xa que neste 2018, ata agosto, as exportacións medraron un 9,5% respecto ao ano pasado.

Solo industrial en Lalín

Nunha clave máis local, Feijóo asegurou asumir “con moito interese e con compromiso” a reivindicación da AED de ampliar o solo industrial en Lalín: “o que nos gusta nos pobos é que se pida solo industrial, proque iso é un gran indicador”. “Un solo industrial que veña acreditado con solicitudes en firme de empresas para crecer é a mellor fortaleza e o mellor síntoma de que a economía de Deza e a economía de Lalín vai ben. E por suposto que asumimos unha política de prezos como estamos a vender nestes momentos en Galicia: a través de prezo aprazado ou a través de concesións de 30 anos e aportacións na concesión que valgan como anticipo do prezo no caso de que esa concesión se queira converter en propiedade”, explicou. “Nos polígonos estamos a vender en concesión a un euro por metro cuadrado ao ano, o que significa que unha parcela de 10.000 metros lle supón un desembolso a un empresario ao ano de 10.000 euros e ese desembolso supón un anticipo ao prezo,  en caso de que queira converter esa concesión en compraventa”, remarcou antes de engadir que a Xunta ponse “mans á obra para a cuarta ampliación do polígono” e finalizar asegurando que “se o Deza vai ben, Galicia vai ben”.

A actuación de Roi Casal pechou a cea-gala do 25º Aniversario da AED
Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome