Publicidade

Corría o 6 de xuño de 2003, apenas un par de semanas despois dunhas Eleccións Municipais nas que o Partido Popular de Ramón Campos volvía revalidar con maioría absoluta a Alcaldía da Estrada, cando unha iniciativa do Instituto Manuel García Barros para achegar a realidade da política local á mocidade reunía nunha charla conxunta a tres representantes dos grupos que conformaban naquel momento a Corporación Municipal: José Manuel Reboredo (PP), Manuel Otero Espiño (PSOE) e Gonzalo Constenla (BNG).

Tras un debate bastante insubstancial, foi un alumno o encargado de animar a refrega dialéctica ao interesarse por un dos temas recurrentes durante as últimas tres décadas na escea da política estradense: a ampliación da alameda municipal. A unanimidade respecto da vontade de ampliación expresada ese día por Reboredo, Espiño e Constenla non foi máis que unha mera coincidencia puntual dentro dun pouco edificante e complexo proceso político e urbanístico no que os intereses xerais da cidadanía e a visión estratéxica e a medio prazo que require a construción dun pobo quedaron mergullados nunha estéril confrontación política.

E é que a retórica da ampliación dos xardíns foi utilizada por todos os grupos políticos -sen exclusión e segundo a súa propia conveniencia partidista en cada caso- como arma arroxadiza para minar ao rival ou como gancho electoral para tentar colleitar uns centos de votos. Desde Elvira Fernández ata José López Campos, pasando por Jesús Tallón, Ramón Campos e José Antonio Dono, a ampliación da alameda municipal estivo permanentemente presente no debate político estradense, aínda que con moitos matices e aristas en función de se o sillón que se ocupaba correspondía ao goberno ou á oposición: ampliación si ou ampliación non, ampliación total ata a rúa Castelao ou ampliación mesturada con edificacións…

Agora que o goberno local encara a recta final dun proceso que se prolonga xa durante alomenos tres décadas consideramos preciso facer memoria para lembrar e aclarar as principais datas e os fitos que marcaron a historia recente dunha alameda municipal que, coa configuración que ten hoxe en día, data dos anos 20 do século pasado.

ONDE DIXEN DIGO DIGO DIEGO

En novembro de 2015, o goberno do Partido Popular, con José López Campos afrontando os primeiros meses do seu segundo mandato, aprobaba en solitario -é dicir, coa oposición de PSOE, BNG e Móvete- o comezo do proceso expropiatorio para facer posible a ampliación total dos xardíns municipais en 4.671 metros cadrados, abranguendo a totalidade dos terreos desde o límite da actual alameda ata a rúa Castelao.

O Partido Popular xustificaba a súa decisión por tratarse dunha “oportunidade histórica” que non había que deixar pasar para dotar ao centro do pobo dun espazo de lecer céntrico, que sempre se viu ameazado pola presión urbanística para construír en parte deses terreos. Pola súa parte, os grupos da oposición coincidían no criterio de non considerala actualmente unha actuación prioritaria e dubidaban do custo final que vaia ter para as arcas municipais.

Esta determinación e firmeza que amosaron tanto o goberno como a oposición na defensa das súas posturas non é, nin moito menos, a mesma que levan defendendo desde hai tres décadas. De feito, durante os sucesivos mandatos do PP de Ramón Campos era o goberno popular o que xestionaba con escaso entusiasmo -ou alomenos con nulo éxito- a ampliación dos xardíns, mentres que PSOE e BNG convertían esa petición nun dos eixos da súa estratexia política.

Cómpre lembrar, ademais, que a petición de ampliar os xardíns municipais estaba avalada desde abril do ano 2000 por unhas 1.100 sinaturas presentadas pola Asociación de Veciños “San Antonio”, ás que se sumaba o apoio de colectivos representativos da vida social e económica da Estrada como a Asociación Comarcal de Empresarios, a Asociación de Comerciantes da Estrada, o Centro de Iniciativas e Turismo, o Recreo Cutural, a Federación Comarcal de Asociación de Nais e Pais de Alumnos, a Asociación Cultural O Brado, o colectivo de ocio e tempo libre Mistura e a Asociación de Fillos e Amigos da Estrada.

En maio de 2003, só un día despois de que Ramón Campos revalidara novamente a Alcaldía con maioría absoluta, acendéronse todas as alarmas ao coñecerse que os herdeiros do doutor Campos Paseiro presentaran un proxecto para construír edificios nos terreos de ampliación da alameda e evitar que fora catalogada como zona verde no Plan Xeral de Ordenación Municipal. Neses intres, PSOE e BNG intensificaron a súa ofensiva para pelexar por unha ampliación total dos xardíns, mentres que Ramón Campos xogaba ao despiste argumentando razóns económicas para considerar, cando menos, a posibilidade de prever algunha torre de pisos na franxa próxima á rúa Castelao para que as arcas municipais non tiveran que soportar o custo tan elevado da ampliación.

PROMESA ELECTORAL E PRESIÓN URBANÍSTICA

Estas posturas mantivéronse nos anos seguintes, incluso en 2005, cando o entón conselleiro de Xustiza, Jesús Palmou, acudiu á Estrada en plena campaña das Eleccións Autonómicas para asinar un protocolo de colaboración co Concello en virtude do cal a Xunta de Galicia asumiría o 50% do custo de adquisición dos terreos. Sen dubidar da boa fe daquel anuncio, o certo é que semellaba máis unha promesa electoralista dun goberno de Fraga que apuraba as súas últimas horas e que días despois deixaría paso ao bipartito de Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG).

Este cambio no goberno autonómico contribuíu a alterar tamén os posicionamentos políticos respecto da ampliación da alameda. Ao bipartito autonómico, o debate semántico entre “protocolo” e “convenio” servíalles de argumento para eludir o cumprimento dun compromiso sen substento económico, mentres que esa “cuña” empregábaa o PP local para abrir fendas na oposición e cuestionar a firmeza da súa defensa da ampliación.

A cuestión complicouse aínda máis cando en 2007 o PP estradense liderado por Miguel de la Calle sufriu unha debacle electoral nas Eleccións Municipais, posibilitando a entrada no goberno do bipartito PSOE-BNG, con José Antonio Dono e Raquel López como máximas cabezas visibles destas formacións. Neses intres, se ben estes partidos sempre continuaron defendendo a ampliación dos xardíns municipais, o certo é que pasouse a considerar en serio a posibilidade de construción de torres duns 12 pisos na franxa próxima á rúa Castelao para facer viable economicamente a operación. Así se deduce dun entrevista concedida polo xa alcalde José Antonio Dono a La Voz de Galicia en 2009, no especial das Festas do San Paio:

Pregunta: E vai haber torres na alameda?

Resposta: A oposición tenta utilizar este tema politicamente, pero saben de sobra que o concello non ten capacidade económica para expropiar os terreos para ampliar os xardíns. Custaría entre catro e seis millóns de euros e o Concello non os ten. Para que a Xunta aprobe o PXOM, ten que ser viable economicamente. Ademais, se expropiamos, despois temos oito ou dez anos para executar a zona verde e se non somos capaces de completar a ampliación metémonos nun lío porque os propietarios expropiados poden esixir unha indemanización. As torres son unha opción para ampliar a alameda dun xeito viable. É unha idea do equipo redactor, pero non quere dicir que vaia ser algo definitivo.

EN 2001, OUTRO CAMBIO DE GOBERNO

Semanas antes das Eleccións Municipais de 2011, ás que o actual alcalde, José López Campos, concorría por primeira vez como cabeza de cartel, o PP convertía a aprobación do PXOM e a ampliación da alameda nun dos eixos da súa campaña electoral e presentaba unha recreación visual do que podería ser ese proxecto.

 

Tratábase dunha proposta sumamente ambiciosa, posto que incluía a construción dun aparcadoiro subterráneo de dúas prantas con preto de 400 prazas de estacionamento, que a día de hoxe semella estar completamente descartado. A súa materialización requería, como paso ineludible, a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que se materializou en xuño de 2013.

Proxección dun aparcadoiro subterráneo de dúas prantas na zona correspondente á ampliación da alameda

A partires de entón, a historia da ampliación da alameda está moito máis recente e fresca na nosa memoria e semella, por fin, afrontar a súa recta final despois de tres décadas dun tortuoso proceso.

Agora o goberno estradense atópanse definindo as características dun proxecto que, a bo seguro, tamén dará que falar, tendo en conta as expectativas xeradas e o obxectivo de cubrir, alomenos, as seguintes necesidades: integración das rúas Irida e Castelao para darlle uniformidade á contorna, conxugación de zonas verdes e espazos de lecer para os máis pequenos, dotación de áreas de sol e sombra, etc. Pero ese xa é outro conto que abordaremos no seu momento.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome