A reivindicación de independencia para A Escravitude arrasa na rede social Facebook

4758
Publicidade

A Declaración Unilateral de Independencia (DUI) aprobada polo Parlament de Cataluña e a proclamación da “República Catalana como Estado independente e soberano” está a sentar cátedra na capital da Comarca do Sar, onde o ACELI (A Collóns Esclavitud Libre e Independiente) está a reivindicar a independencia da parroquia padronesa da Esclavitude.

Detrás desta delirante proposta que está a arrasar na rede social Facebook -onde o vídeo reivindicativo suma máis de 34.500 reproducións en menos dunha semana- semella estar o envexable sentido do humor de varios padroneses que desde hai días están a parodiar diferentes pasos do “procés” dentro da súa espiral independentista.

O máis curioso da historia é que o vídeo en cuestión, que volveu circular en Facebook estes días por mor da situación en Cataluña, fora gravado no ano 2010 polo grupo humorístico Maldados e acumula tamén máis de 9.000 visualizacións en Youtube. Entre trago e trago e ameazas de “ghaliñas bomba” e “cabras tanque”, advirten de accións contundentes ás “forzas opresoras” do Concello de Padrón.

Ademais de varios memes, incluso co alcalde de Padrón rexeitando a independencia da Esclavitude, nin sequera falta un comunicado da Sociedade Deportiva Esclavitud -ao estilo F.C. Barcelona- manifestándose a favor do dereito a decidir, como o practicado no seu famoso referéndum de “Churrascada SI ou NON”.

O bo sentido do humor que transmiten estes padroneses mesmo conseguiu que ata o propio alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, confesara no seu perfil de Facebook ter botado algunhas risas con toda esta historia.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome