A ponte de Pontevea sobre o río Ulla, que une Teo e A Estrada, declarada Ben de Interese Cultural

Trátase dunha ponte medieval construída no século XVI e cunha reconstrución importante no XVIII

211
Os alcaldes de Teo e A Estrada visitaron a ponte xunto co conselleiro de Cultura para anunciar a súa declaración como BIC
Publicidade

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o decreto de declaración da ponte de Pontevea sobre o río Ulla, que une os concellos de Teo e A Estrada, como Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento.

Aínda que o acordo adquiriu oficialidade esta mañá, a nova xa tivo protagonismo nos días pasados debido aos intentos de capitalizar mediaticamente este logro tanto por parte do BNG nos concellos de Teo e A Estrada -que no seu día impulsaran cunha moción a petición desta declaración- como desde a propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Representantes do BNG nunha concentración anterior na ponte de Pontevea para reclamar a declaración como BIC

De feito, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou onte a ponte acompañado polos alcaldes da Estrada, José López Campos, e de Teo, Rafael Sisto, para propoñer un proxecto de rehabilitación integral da ponte, que implicaría traballos sobre a propia infraestrutura pero tamén actuacións complementarias na contorna.

O alcalde estradense comprometeuse a elaborar un anteproxecto inicial de ideas para comezar a traballar nunha acción integral e o conselleiro propuxo a implicación das deputacións provincias da Coruña e Pontevedra para completar a posta en valor do BIC e artellar arredor del uns espazos para o ocio, o turismo e o lecer.

Valores considerados

No que atinxe á declaración de BIC, a Xunta de Galicia precisou que a documentación recollida avala a concorrencia nesta ponte de diferentes camiños mesmo desde a época romana. Se ben é certo que non existe un acordo entre os historiadores á hora de identificar neste punto o paso da Vía Romana XIX, se hai certeza da confluencia de camiños asociados ás rutas de peregrinaxe e comerciais. Do que non hai dúbida é de que a ponte actual é unha ponte medieval, construída no século XVI, con reconstrucións importantes no século XVIII.

As características arquitectónicas da ponte encadran a construción no tipo románico-oxival, con seis arcos de cantaría apoiados en cinco grandes piares, con tallamares triangulares augas arriba para suavizar a presión e trapezoidais augas abaixo, que chegan ata o beiril.

Neste caso tivéronse en conta o informe dos órganos consultivos (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes e Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago), que emitiron informe favorable sobre esta declaración.

Tal como establece a Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, o deber de conservación do ben corresponde aos propietarios e titulares dos dereitos reais sobre el mesmo e que, polo tanto, están obrigados a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioro.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome