A Xunta concederá ata 10.800 € a menores de 35 anos que compren vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes

O prazo de presentación de solicitudes para optar a estas axudas permanecerá aberto ata o 31 de outubro ou ata o esgotamento de crédito

67
Publicidade

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará este ano 800.000 euros a axudas para a adquisición de vivendas por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitante. Segundo a resolución publicada onte no Diario Oficial de Galicia o prazo de presentación das solicitudes para optar a esta liña de axudas rematará o 31 de outubro, agás que antes se esgote o orzamento.

O Instituto galego de Vivenda e Solo (IGVS) subvencionará con ata 10.800 euros a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes, co obxectivo de contribuír ao asentamento de mozos nos concellos menos poboados, favorecendo a fixación de poboación nova nas áreas máis rurais de Galicia.

O importe de cada axuda concedida será do 20 por cento do custo de adquisición da vivenda e sempre cun límite máximo de 10.800 euros por beneficiario. No suposto de ser adquirida por máis dun propietario repartirase o citado importe en función da porcentaxe da cota adquirida.

Tamén poderán acollerse á convocatoria de 2019 os propietarios de vivendas que, reunindo todos os requisitos esixidos na resolución, fosen adquiridas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019; así como as persoas que presentasen unha solicitude de subvención na convocatoria de 2018 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na mesma.

Requisitos

Os principais requisitos que teñen que cumprir os solicitantes destas axudas serán:

  • Ter menos de 35 anos de idade na data de presentación da solicitude.
  • Ter nacionalidade española ou residencia legal en España.
  • Dispoñer duns ingresos anuais por parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem). Excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a 4 veces o Iprem no caso de familias numerosas de categoría xeral ou unidades de convivencia con discapacitados; e no caso de familias numerosas de categoría especial ou unidades de convivencia nos que algún membro sufra unha das discapacidades establecidas na resolución, o límite será de 5 veces o Iprem.
  • Ter subscrito un contrato privado ou unha escritura pública de adquisición da vivenda con posterioridade a 1/01/2019, salvo para aquelas persoas que tendo solicitada a axuda en 2018 se lles denegara por esgotamento de crédito.

Polo que respecta ás vivendas, estas deberán cumprir as seguintes condicións:

  • Estar emprazada nun concello de menos de 5.000 habitantes.
  • Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
  • O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000 euros.

O IGVS leva destinado a esta liña de actuación un millón de euros (200.000 euros correspondentes á convocatoria de 2018 e 800.000 na actual, na de 2019 ), que se elevarán a case tres millóns ata o ano 2021, segundo as previsións que manexa.

Case 53 millóns de euros en axudas

A Xunta destinará en 2019 case 53 millóns de euros a subvencións para rehabilitación e acceso á vivenda, a través de 16 liñas de axudas destinadas a particulares, comunidades de propietarios, concellos e promotores.

As axudas para adquisición de vivenda son as segundas que se convocan, despois de que onte o DOG publicase a convocatoria das axudas do Bono de Alugueiro Social, destinadas a facilitar o pago do alugueiro a colectivos desfavorecidos, cunha dotación de 3,88 millóns de euros.

A comezos do próximo mes de febreiro publicaranse outras catro convocatorias de axudas para rehabilitación e o resto sairán á luz ao longo do primeiro semestre do ano.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome