As mozas copan os premios do certame “Lingua de namorar”

202
A entrega de premios celebrouse no Museo do Mar de Galicia, en Vigo
Publicidade

 

Seis mozas de diferentes localidades das provincias de Pontevedra e A Coruña coparon a totalidade dos premios do Certame de mensaxes de amor na rede “Lingua de namorar”, que convocan conxuntamente as consellerías de Cultura e de Política Social e que nesta edición batiu o récord de participación cun total de 1.509 mozos e mozas.

A entrega de premios tivo lugar no Museo do Mar de Galicia, en  Vigo, a carón do Pergamiño Vindel, e contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e a escritora galega Rosalía Fernández Rial, como condutora do acto.

Durante a súa intervención Román Rodríguez salientou a importancia de manter o galego como unha lingua dos afectos e das relacións persoais, de visibilizala “como o que sempre foi, a lingua do pobo de Galicia”, ao tempo que se avanza na súa presenza nos espazos formais, como a Administración.

O conselleiro lembrou que as cantigas do Pergamiño Vindel xa expresaban o amor en galego, tal e como o fixeron tamén os participantes neste certame Lingua de namorar, demostrando que a lingua propia de Galicia non só ten historia senón que tamén ten futuro: “unha lingua de pergamiños, pero tamén de whatsapps”.

Neste senso, o titular do departamento educativo da Xunta lembrou que se está traballando na elaboración do Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade, que dará unidade e coherencia ás iniciativas que se desenvolveron nos últimos anos neste eido e que se sumarán a outras novas, co obxectivo permanente de promover e normalizar o galego entre a xente nova.

Éxito de convocatoria

En canto á participación, 704 mozos e mozas presentáronse ao concurso coas súas declaracións de amor en galego, 488 na categoría A (de 14 a 19 anos) e 216 na categoría B (de 20 a 35 anos); 805 en total, votaron as súas favoritas.

De entre as 50 máis votadas en cada categoría, resultaron gañadoras do primeiro premio na categoría A, Nee Barros (Marín), pola mensaxe Muiñeira; do segundo Ania Ferreira (Vigo), pola mensaxe Tes lume? e do terceiro Uxía Martínez (Vigo), pola mensaxe Amor adiantado. Na categoría B fixérono do primeiro premio Teresa Pérez (Lousame), pola mensaxe Infinito; do segundo Aitana Iglesias (Narón), pola mensaxe Fagamos melodía e do terceiro Iria Carreira (Arzúa), pola mensaxe Terroristas.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome