Correos lembra cun selo o centenario do nacemento do Premio Nobel Camilo José Cela

Fernández Angueira pídelle ao director do servizo de Filatelia que baralle a posibilidade de emitir un novo selo en 2019 para conmemorar o trixésimo aniversario do Premio Nobel de Literatura de Cela

298
Pola esquerda, o director de Filatelia de Correos, Modesto Fraguas; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; e a subdirectora da Fundación Camilo José Cela, Covadonga Rodríguez
Publicidade

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, o director de Filatelia de Correos, Modesto Fraguas Herrera, e a subdirectora da Fundación Camilo José Cela, Covadonga Rodríguez, presentaron hoxe no Auditorio Municipal un selo adicado á lembranza do centenario do nacemento (1916 – 2016) do Premio Nobel padronés.

O alcalde de Padrón agradeceulle ao servizo de Filatelia de Correos a emisión de 210.000 unidades deste selo de 1,35 euros adicado a Camilo José Cela porque contribúe a “ensalzar e proxectar aínda máis o recordo dun escritor irrepetible e os seus vínculos con esta terra”. Na súa opinión, esta acción “axudará tamén a que a xente se achegue ata Padrón para coñecer a Fundación Camilo José Cela e moitos dos seus escenarios vitais”.

Para Fernández Angueira, os padroneses deben sentirse “uns privilexiados por pertencer a un dos concellos de España con maior vinculación ao mundo das letras e con maior riqueza literaria”, xa que “poucos pobos poden percorrer a súa historia a través da literatura valéndose de protagonistas como Macías O Namorado, Rosalía de Castro ou Camilo José Cela“, de quen lembrou que publicou máis de 120 títulos, con múltiples edicións e con traducións a máis de 40 idiomas.

“Aínda que é certo que tiña sangue de tres nacións e que os derroteiros da vida o alonxaron por momentos desta terra, aquí é onde descansa e el nunca deixou de sentirse padronés e orgulloso das súas orixes”, enfatizou o alcalde, antes de engadir que “afortunadamente para nós, a vida e obra de Camilo José Cela permitiríanos celebrar cada ano algunha efeméride dos principais fitos que marcaron a súa existencia”. En concreto, apuntou que neste 2017 que xa remata cumpriríanse 60 anos do seu ingreso na Real Academia Española e 30 anos da obtención do Premio Príncipe de Asturias das Letras.

Precisamente, en relación cos premios recibidos por Camilo José Cela, o alcalde aproveitou a presenza do director de Filatelia de Correos para instalo a preparar para 2019, cando se cumprirán 30 anos da obtención do Premio Nobel de Literatura, un novo selo conmemorativo desa efeméride. “Foi o recoñecemento que situou a Camilo José Cela no olimpo internacional dos escritores e que tamén axudou a posicionar o nome de Padrón no mapa, polo que desde o concello comezaremos a traballar sen présa pero sen pausa para organizar algo especial para esa data”, anunciou o rexedor.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome