David Sueiro, o granxeiro cruceño dos “ovos-xoia” que busca dona en Cuatro

Tras descartar a "vitamina B" de Susan, o xerente de Galo Celta convivirá nos próximos programas en Vila de Cruces con outras tres pretendentas

4452
Susan foi a segunda pretendenta descartada por David Sueiro no primeiro programa
Publicidade

Ben podería ter protagonizado aquela serie de ambientación rural titulada “Granxeiro último modelo” que triunfaba nos anos 60, pero o cruceño David Sueiro, xerente da firma Galo Celta, decidiu aos seus 41 anos embarcarse na aventura “Granjero busca esposa”, que emite Cuatro no prime time dos mércores pola noite e que se estreou onte.

A páxina web do programa salienta que David “foi cumprindo os seus soños pouco a pouco ata converterse nun granxeiro de renome, que vende produtos nos mercados máis selectos do panorama nacional e internacional”. Nembarmantes, apúntase que “no seu día a día falta algo moi importante: a súa media laranxa”. El defínese como “romántico, detallista e loitador” e busca unha moza “independente, guapa, intelixente, con gañas de gozar e vida propia”.

Na primeira entrega, os telespectadores xa poideron ver a David vestido de noivo, facendo gala dunha exquisita educación e amosando escasas habilidades para o baile. En canto ás súas pretendentas, tras descartar inicialmente á “celosa” Carolina e posteriormente o “plan de vitamina B” de Susan, o granxeiro cruceño xa elixiu ás tres posibles “medias laranxas” (Eva, Beatriz e Estefany) que o acompañarán nos vindeiros programas ata Vila de Cruces para convivir na súa granxa e na súa contorna.

Non cabe dúbida que, atope parella ou non, David Sueiro saberá sacarlle partido ao programa para promocionar os seus “ovos-xoia” que xa comercializa en destacados establecementos gourmet e restaurantes distinguidos.

 

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome