Dez razóns para visitar Padrón durante as Festas da Pascua 2018

O pregón da actriz Cristina Castaño terá lugar o sábado 31 ás 21.00 horas na Praza de Macías

11617
Eladio y Los Seres Queridos
Publicidade

 

A programación das Festas da Pascua de Padrón 2018 inclúe máis dun cento de actividades musicais, deportivas, culturais, sociais e relixiosas. Entre todas elas en Galicia Centro destacamos 10 razóns para visitar a capital da Comarca do Sar ata o 14 de abril:

1. Pregón da actriz Cristina Castaño

Sobradamente coñecida pola súa participación en series de televisión como La que se avecina ou Cuerpo de Élite, a actriz Cristina Castaño será a encargada de ler o pregón o sábado 31 de marzo ás 21.00 horas na Praza de Macías. Aínda que naceu en Vilalba en 1978, sempre se mantivo moi vinculada á terra do seu pai Antonio e da súa avoa Rosa, polo que recentemente asegurou sentirse “orgullosa e tremendamente feliz e emocinada” por ser elixida como pregoeira da Pascua 2018. Ao remate do pregón actuará a Banda de Música Municipal de Padrón.

Cristina Castaño está a triunfar en Antena 3 coa serie “Cuerpo de élite”

2. Concerto de Eladio y Los Seres Queridos

Ademais de confirmarse nas últimas semanas a súa participación en xuño no festival O Son do Camiño xunto a artistas e grupos da talla de Lenny Kravitz, Frand Ferdinand ou The Killers, a banda liderada por Eladio Santos achegará ata Padrón o venres 6 de abril, ás 21.00 horas na Praza do Fondo da Vila, os temas do seu quinto traballo discográfico, Historias de caza.

3. A Noite Dj Indie con Amatria Dj Madrid, Dorian Dj, Florent y Yo Set Dj e Groove Amigos + Blvckr

A Noite Dj Indie é unha novidosa aposta da Concellería de Festexos de Padrón para dar cabida na programación musical das Festas da Pascua a estilos diferentes das tradicionais orquestras, grupos folclóricos ou bandas de música. O mesmo venres 6 de abril, arredor das 22.30 horas, unha vez rematado o concerto de Eladio y Los Seres Queridos chegará a música electrónica da man de Amatria Dj Madrid, Dorian Dj, Florent y Yo Dj Set (Los Planetas) e Groove Amigos + Blvckr.

4. XXXIX Carreira Popular da Pascua de Padrón

As competicións deportivas tamén son protagonistas das Festas da Pascua 2018. Xunto co Día do Baloncesto (mércores 28) e os torneos de tenis, fútbol base e fútbol sala, a XXXIX Gran Carreira Popular do sábado 31 de marzo é outra das citas ineludibles para centos de runners. A saída está prevista para as 10.45 horas na Praza de Macías.

A XXXIX Carreira Popular da Pascua de Padrón celebrarase o sábado de Pascua, día 31 de marzo

5. Concerto de Astarot

Se che gusta a música heavy-rock con identidade galega ou se eres fan do grupo de Cangas do Morrazo Astarot e non queres agardar para velos en agosto no Millarock do Concello de Ames, o luns 2 de abril tes unha cita na Praza do Fondo da Vila de Padrón ás 22.30 horas.

6. Gran velada de boxeo: XX Aniversario do Club Boxeo Padrón

O pavillón a carón do Grupo Escolar acollerá o venres 6 de abril, a partires das 21.30 horas, unha gran velada co gallo do XX Aniversario do Club Boxeo Padrón. Se queres ver sobre o ring aos púxiles locais Cristian Teira, campión galego, e Álex Segade, debut, non podes faltar.

 

 7. Festival Pop Tour Padrón 2018

O que tivo, retivo. Ou alomenos iso é o que esperamos ver o sábado 31 de marzo, a partires da medianoite na Praza de Macías, coa actuación conxunta de varios músicos de grupos que triunfaron a finais dos 80 e na década dos 90 no panorama musical nacional: Miguel Costas, de Siniestro Total; Santi Sánchez e amigos, ex de Los Inhumanos; Carmelo López, de El Norte; e Juanra, de Guaraná.

8. Feira Cabalar e concursos morfolóxicos

Este ano a tradicional Feira Cabalar celebrarase o 1 de abril, domingo de Pascua, a partires das 9.00 horas e durante toda a xornada no Campo da Barca, onde o Concello de Padrón instalará un novo recinto estable de 50 metros de longo por 25 metros de ancho. Ademais dos concursos morfolóxicos de Pura Raza Española, Pura Raza Árabe e cabalos e eguas cruzados, nos que se repartirán máis de 2.000 en premios, esta feira cabalar tamén inclúe espectáculos de doma ecuestre e vaqueira, exhibicións de horseball, carruseis de doma e, por outra banda, campionatos de agility.

O Campo da Barca acollerá o domingo de Pascua (1 de abril) a tradicional Feira Cabalar

9. As verbenas con nove grandes orquestras

Aínda que a Concellería de Festexos decidiu incorporar á Pascua espectáculos de heavy-rock ou música electrónica, as tradicionais orquestras seguen a acaparar a maior parte do protagonismo musical. Nomes habituais das verbenas galegas como América, Finisterre, Charleston, Atenas, Ledicia, Arkadia complétanse con outros como Olympus -a orquestra na que actuaba o concursante de Operación Triunfo Roi- ou Superholliwood, destacada por contar co escenario máis grande de España.

10. Os postos do mercadiño, as atraccións e a gastronomía

Xunto coas actividades musicais, culturais e deportivas, a gastronomía e as atraccións infantís son outros dos grandes motivos para acudir á Pascua de Padrón. Nesta edición a vila acolle preto de 400 postos de todo tipo, desde os tradicionais polbeiros ou puntos de venda de produtos da horta, ata atraccións para os máis pequenos como o boomerang, unha pista de karts, o dragón infantil, etc. Os pais xa poden ir preparando a billeteira.

Entre as tradicións da Pascua de Padrón non pode faltar o polbo á feira

 

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome