Educación rematará nas vindeiras semanas as obras do IES Laxeiro de Lalín

A conselleira Carmen Pomar visitou o centro acompañado polo seu antecesor no departamento de Educación, o lalinense Román Rodríguez

16
O director do IES Laxeiro, Uxío Grande, conversa coa conselleira Carmen Pomar en presenza do seu antecesor, Román Rodríguez
Publicidade

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e mailo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitaron esta mañá o IES Laxeiro de Lalín para comprobar o desenvolvemento dos traballos de ampliación do centro que rematarán este mesmo mes e nos que a Xunta leva investidos arredor de 1,2 millóns de euros.

Agora mesmo está a piques de rematar a segunda fase da ampliación, coa que se dota o instituto dun novo volume na planta alta do edifico dedicado actualmente aos talleres de FP. Deste xeito, neste espazo o centro gañará cinco novas aulas máis unha sexta que se traslada a este novo volume desde a planta baixa. Así mesmo, dótanse novos aseos con servizos adaptados e unha nova escaleira para mellorar a evacuación do edificio. Estes traballos -cun investimento de 850.000 euros- súmanse aos 320.000 euros da primeira fase que permitiu dotar ao centro do primeiro viveiro de empresa educativo na comarca.

Precisamente a conselleira Carmen Pomar subliñou que a mellora da infraestrutura do instituto ten unha repercusión directa no conxunto da comunidade educativa do Laxeiro, pero especialmente nas ensinanzas de Formación Profesional, con máis aulas e mellor dotación para o desenvolvemento do proxecto educativo. Neste senso, lembrou que o viveiro de empresa que se puido instalar logo da primeira fase de ampliación, con tan só dous anos de percorrido, xa alberga dous proxectos en funcionamento dentro do propio viveiro, un como plan e outro como empresa.

Así mesmo a conselleira agradeceu a implicación da dirección do IES na posta en marcha de proxectos educativos que redundan nunha ensinanza de calidade como é a súa incorporación este mesmo curso ao programa de Clubs de Ciencia impulsada por Educación coa finalidade de fomentar as vocacións STEM entre os estudantes; a dotación de Espazo Maker na aula de Tecnoloxía; o proxecto Edixgal, de libro dixital; o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares ou os contratos-programa (con liñas como o de Reforzo, Orientación e Apoio, de mellora de competencias clave, de mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, entre outros).

Investimentos en Lalín

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, felicitou á comunidade educativa do IES Laxeiro, na comarca do Deza, polo seu labor neste eido que o leva a ser un referente da Formación Profesional. Destacou, así mesmo, que as melloras realizadas amosan o compromiso da Xunta cos proxectos estruturais.

A obra de ampliación do IES Laxeiro súmase a unha serie de melloras acometidas nos centros educativos de Lalín e cuxa contía máis importante se dedicou ao CEIP Xesús Golmar.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome