“Mariposas”, o videoclip co que Fredi Leis volve triunfar en internet

Rodado por Cráneo Media, relata unha historia de desamor e suma nun par de meses preto de 700.000 reproducións en Youtube

1229
Captura dun plano do videoclip "Mariposas", primeiro "single" do seu novo álbum
Publicidade

 

Hai tempo xa que a pegada dos cantautores, solistas e grupos musicais deixou de medirse fundamentalmente en cifras de venda de discos/CDs. A día de hoxe un dos parámetros máis recurrentes para discriminar entre o éxito e o fracaso e entre o bo e o malo -ou alomenos entre o que gusta e non gusta- é a repercusión e viralidade que un tema ou un videoclip consegue a través das redes sociais e das canles e plataformas audiovisuais.

Youtube estase a converter na proba do algodón definitiva e por iso podemos dicir sen marxe de error que “Mariposas“, primeiro tema do novo disco do compostelán Fredi Leis, está a adentrarse no selecto grupo dos éxitos musicais desta tempada. Desde o seu lanzamento a finais do pasado mes de setembro, o videoclip “Mariposas” achégase xa á nada despreciable cifra de 695.000 visualizacións en Youtube.

Rodado polo equipo de Cráneo Media, en “Mariposas” Fredi Leis acompáñase da modelo e actriz Ninette Shibara para falar do desamor e deses momentos nos que desaparecen as bolboretas que ao comezo dunha relación simbolizan a ilusión e o amor.

O éxito que está a colleitar Fredi Leis en Youtube con este vídeo non lle chega por sorpresa, posto que xa co videoclip “Estrellas Fugaces“, do seu primeiro disco, “Días Grandes“, acumula preto de 1.900.000 reproducións.

Mentres tanto, ao tempo que ultima o lanzamento do seu novo traballo co selo discográfico de RLM, Sin Anestesia, o compositor e músico compostelán segue a xirar por diferentes cidades españolas. A vindeira semana, o 15 de decembro, actuará na Sala Cajasol de Sevilla; o 2 de marzo de 2018, en El Coral de las Cigüeñas en Cáceres; o 3 de marzo, en Músic Factory de Salamanca; o 22 de marzo, no Loco Club de Valencia; e o 23 de marzo, no Círculo de Arte de Toledo. Seguiremos con atención a súa xira.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome