Mehdi vence con soltura en Antequera e apunta ao Campionato do Mundo de París

A Real Federación Española de Atletismo prevé convocalo como convidado, algo que sería posible aínda sen ter a nacionalidade española ao tratarse dunha categoría inferior á junior

630
Captura do vídeo da carreira na que Mehdi El Nabaoui cruza a meta celebrando a vitoria cun salto
Publicidade

 

Suma e segue. O atleta do C.D. San Paio Mehdi El Nabaoui continúa intratable. Dá igual que sexa en campo a través, en pista ao aire libre ou en pista cuberta, con corredores da súa categoría ou de máis idade, en cada competición na que participa Mehdi non desaproveita a oportunidade de confirmar a súa condición de xove promesa do atletismo galego na media distancia.

Cando un ten as súas condicións físicas, a súa preparación e a súa facilidade para interpretar as carreiras e despegarse dos demais corredores cando quere, o normal é que poida permitirse a frivolidade de cruzar a meta dando un salto de celebración case de estilo karateka. Iso foi precisamente o que aconteceu esta tarde en Antequera, onde Mehdi impúxose sen grandes dificultades -mellor dito, sen ningunha dificultade- na proba dos 3.000 metros, proclamándose campión de España sub18 nesta distancia.

Basta visualizar novamente o vídeo da carreira que o C.D. San Paio emitiu en directo a través da súa páxina de Facebook para ver que Mehdi vai sobrado, que apunta alto. Por iso non é de estranar que o seu nome circule cada vez máis tanto en equipos punteiros do atletismo nacional como entre os responsables federativos, que non andan tan sobrados de talentos e non deberían permitirse o luxo de deixar escapar a un diamante en bruto.

De feito, segundo puido confirmar Galicia Centro, a Real Federación Española de Atletismo (RFEA) ten previsto convocar a Mehdi El Nabaoui, cuxa familia aínda non ten a nacionalidade española, para competir con España -en calidade de convidado- no Campionato do Mundo que se celebrará en París a comezos de abril -algo que sería posible ao tratarse dunha categoría inferior á junior-.

Sexa a través desta fórmula ou mediante calquera outra, as autoridades galegas e españolas en materia de Deporte -dígase Marta Míguez e José Ramón Lete, respectivamente- deberían aplicarse para que Mehdi El Nabaoui, que desexa seguir competindo con Galicia e con España, poida facelo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome