Mílson´s estrea un videoclip que promove a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

O videoclip, gravado na súa totalidade na provincia de Ourense, conta coa participación da cantante Andrea Pousa e o actor Rubén Riós, ademais de grupos folclóricos e veciños de Castro Caldelas

279
O Bruxo Queiman, segundo pola esquerda, lidera o grupo musical Mílson´s (Fillos de Míl, os netos de Breogán)
Publicidade

 

O castelo de Castro Caldelas (Ourense) acollerá o vindeiro martes, ás 12.00 horas, a presentación do novo videoclip do grupo Mílson´s, “Este vaise”, que foi gravado integramente na provincia de Ourense e no que a formación liderada polo Bruxo Queiman apoia e promove a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, ademais de divulgar Castro Caldelas e a súa Festa dos Fachós.

“O videoclip é unha exaltación das tradicións e da cultura da zona da Ribeira Sacra, que se amosa como un dos lugares máis belos e espectaculares do mundo”, asegura o Bruxo Queiman, que adianta que “as imaxes tamén recoñecen o labor dos adegueiros da famosa viticultura heórica e homenaxean a todos os galegos e galegas que algún día tiveron que partir destas terras”.

Xunto cos músicos de Mílson´s, no videoclip participan a cantante Andrea Pousa, o actor Rubén Riós, veciños de Castro Caldelas, O Folión de Castro Caldelas, o grupo de gaitas Os Trabazos de Caldelas e o grupo de gaitas Os Coribantes de Buchabade de Ponte Caldelas.

O videoclip “Este vaise” é unha produción da compañía de espectáculos Queiman e Pousa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Castro Caldelas, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, a adega Ponte da Boga e o restaurante compostelán O Dezaséis.

Mílson´s (Fillos de Míl, netos de Breogán) é un grupo liderado polo Bruxo Queiman (voz principal) e formado por músicos cunha amplia traxectoria internacional no mundo do folk: Suso Feixón (voz, programación e ambientes), Samuel Soto (bouzouki, guitarra eléctrica, pandeireta e voz), Andrés Lorenzo (gaita e voz), Abraham Fernández (gaita e voz), Carlos Mariño (teclados e programación) e Javier Rabanal (baixo eléctrico).

O estilo musical de Mílson´s fusiona o legado tradicional como son as cantigas mariñeiras ou as recollidas nos cantos de taberna con ritmos folk e melodías máis propias do rock ou o pop. Xunto cunha chamativa e coidada posta en escea, as actuacións de Mílson´s incorporan o compoñente actoral do Bruxo Queiman, artista comprometido coa Cultura Atlántica e cunha traxectoria de máis de 20 anos tanto na escea nacional como internacional, que culmina os espectáculos coa súa particular e exitosa reprodución do rito ancestral de preparar a queimada.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome