O alcalde de Padrón, satisfeito coa inclusión da mellora da N-550 nos PGE 2018

100
Entrada a Padrón pola estrada N-550 desde Pontecesures
Publicidade

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, amósase satisfeito tras confirmarse que o proxecto de Presupuestos Generales del Estado 2018 (PGE) inclúe entre as actuacións que o Ministerio de Fomento prevé acometer en Galicia a solicitada mellora e humanización da travesía da estrada N-550 ao seu paso por Padrón, no treito de 1,5 quilómetros que comprende desde o límite con Pontecesures ata a entrada na vila.

O rexedor considera “un avance importantísimo” o feito de que a totalidade do orzamento necesario, que ascende a 4,05 millóns de euros, apareza nunha programación plurianual de investimentos que permitiría rematar as obras no exercicio de 2020. Ao respecto, matiza que a consignación da primeira partida este ano “servirá para iniciar o procedemento de licitación, coa finalidade de que as obras poidan adxudicarse e comezarse no exercicio de 2019”.

Resultado das xestións

Fernández Angueira sostén que estes orzamentos son “o resultado das xestións realizadas no Ministerio de Fomento e na Delegación do Goberno nos últimos meses” e agarda que estas contas “saian adiante a pesares da inestabilidade política existente a nivel nacional”. De ser así, xa anticipa que solicitará novas reunións co delegado do Goberno en Galicia, na Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e con representantes do Ministerio de Fomento para facerlle un seguimento ás actuacións previstas para avanzar na licitación das obras.

Segundo o rexedor padronés, o proxecto de mellora da travesía da N-550 marcará “un antes e un despois na imaxe de Padrón na entrada desde a provincia de Pontevedra, un treito que é precisamente por onde chegan os peregrinos que realizan o Camiño Portugués”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome