O alcalde de Padrón xestiona coa Xunta a construción dunha residencia de maiores

A conselleira de Política Social, Fabiola García, amosouse receptiva a buscar fórmulas de colaboración co Concello para afrontar o desexado proxecto da residencia

416
Pola esquerda, Ángel Rodríguez Conde, Fabiola García, Antonio Fernández Angueira e Ovidio Rodeiro
Publicidade

A conselleira de Política Social, Fabiola García, amosou a súa dispoñibilidade a estudar a proposta do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, de construir e poñer en marcha unha residencia de maiores en Padrón. Fíxoo tras manter un encontro de traballo o pasado venres nas dependencias consistoriais co obxecto de repasar os recursos de índole social que hai a disposición das veciñas e veciños padroneses.

Fabiola García reiteroulle ao rexedor o compromiso do Goberno galego coas persoas maiores, en especial con aquelas que teñen limitada a súa autonomía persoal. Unha mostra deste compromiso é o notable incremento nos últimos anos do número de dependentes que reciben algunha prestación, ata superar a día de hoxe os 60.000. Esta cifra, récord na comunidade desde a entrada en vigor da Lei de Dependencia en 2006, supón unha ratio de cobertura do 88,5% e sitúa a Galicia no 4º posto no ránking das 17 autonomías.

No caso concreto de Padrón, a conselleira destacou que no último ano se aumentou en máis dun 22% as horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) postas a disposición do concello, ata superar as 26.000 horas anuais. Este reforzo, xunto co feito de que nesta vila se están a empregar case que a totalidade das horas que ten asignadas, permite que, a día de hoxe, dispoñan con coidados profesionais nos seus domicilios preto de 60 persoas dependentes e que practicamente non exista lista de agarda.

Fabiola García e o alcalde acordaron continuar con esta liña de colaboración e diálogo institucional na procura de que os veciños e veciñas deste municipio coruñés teñan á súa disposición uns servizos e recursos sociais próximos e de calidade.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome