O goberno de Padrón aproba o orzamento de 2019, que aumenta os investimentos nun 61%

Antonio Fernández Angueira salienta que "por primeira vez en moito tempo non se consignan partidas para amortizar débedas bancarias, xa que en 2018 deixáronse a cero"

107
Os orzamentos reservan 139.000 euros de aportación municipal para o ambicioso proxecto de empedrado e mellora do Paseo do Espolón
Publicidade

Os concelleiros do goberno local de Padrón (PP/PGD) aprobaron na sesión plenaria celebrada na noite de onte os orzamentos municipais para o exercicio de 2019, que se caracterizan “por ser os máis sociais dos últimos anos” ao incrementar os investimentos nun 61% e ao reservar 220.000 euros para axudas de atención á dependencia, o que supón un aumento de 30.000 euros en comparación co último orzamento.

O orzamento aprobado incrementa a previsión de ingresos nun 5,83% ata situalos en 7.399.534,83 euros, fronte aos 6.991.952,37 euros do orzamento de 2018. En canto aos gastos, o incremento é só dun 2,02% ata situarse en 7.106.057,18 euros, fronte aos 6.965.682,71 euros do orzamento anterior.

No capítulo de gastos, a contención das partidas reservadas para persoal (2.445.928,48 euros), que só aumenta un 0,30%, e para bens correntes e servizos (3.746.038,37 euros), que sube unicamente un 1,35%, permite destinar a investimentos un 61,34% máis de fondos, concretamente 728.280,33 euros. O alcalde, Antonio Fernández Angueira, salientou que entre as partidas de investimentos recollidas figuran 138.917,35 euros correspondentes á aportación municipal para o proxecto de empedrado do Paseo do Espolón, que se cofinanciaría coas axudas solicitadas ao Ministerio de Fomento ao abeiro do 1,5% Cultural.

Ademais, acometeranse outras obras como a mellora dun acceso a Tarrío (Cruces) e dun camiño en Pedroso, pavimentacións en Cambelas e na rúa Nourmoutier ao polideportivo, modernización do

alumeado público, actuacións de melloras nas escolas e a adquisición dun camión para mellorar o servizo de recollida de lixo, entre outras actuacións.

Fernández Angueira subliñou que “a estabilidade do goberno grazas ao acordo co PGD permite traballar dunha forma máis áxil e eficaz” e indicou que “na anterior situación de minoría era practicamente imposible aprobar os orzamentos no primeiro mes do ano”. No contexto desta “maior eficacia na xestión económica”, resaltou que “por primeira vez en moito tempo non se consignan partidas para amortización de débedas bancarias, xa que en 2018 deixáronse a cero”. “Os axustes realizados e a xestión eficaz permitíronnos cancelar a débeda bancaria sen necesidade de incrementarlle a carga positiva aos padroneses”, remarcou o alcalde, que tamén apuntou entre os indicadores económicos favorables que o perído medio de pago a provedores no último trimestre de 2018 foi inferior a catro días.

Principais partidas de ingresos

En canto aos ingresos, a orzamento contabiliza entre as partidas máis relevantes as seguintes previsións: 1.851.143,84 euros do Imposto de Bens Inmobles (IBI) urbano, 85.000 euros do IBI rústico, 350.000 euros do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), 355.000 euros do Imposto de Actividades Económicas (IAE), 441.185 euros polas taxas de utilización de espazos públicos para postos, barracas, casetas e quioscos; 203.000 euros do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e 296.919,50 euros da taxa de recollida de lixo. 

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome