O premio do cuarto Certame Poético Rosalía de Castro marcha para Valencia

Milagros Clotilde Agustina Pérez Villanueva foi elixida gañadora polo traballo "Onde dá a volta o aire", presentado baixo o lema "Buguinas"

277
Os membros do xurado reuníronse hoxe no Concello de Padrón
Publicidade

 

A valenciana Milagros Clotilde Agustina Pérez Villanueva foi elixida hoxe gañadora do IV Certame Poético Rosalía de Castro que convoca o Concello de Padrón polo traballo “Onde dá a volta o aire”, presentado baixo o lema “Buguinas”.

O xurado desta cuarta edición do certame estivo presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e contou como vogais coa concelleira de Turismo, Lorena Couso Dopazo; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña Trabazo -ausente na reunión, pero que entregou previamente a súa valoración aos compañeiros do xurado-; o mestre do IES Macías O Namorado Manuel Lorenzo Baleirón; a profesora de lingua e literatura galega no IES Camilo José Cela María Xesús Senín Fernández; e a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Rexina Rodríguez Vega. Actuou como secretaria, con voz pero sen voto, a animadora cultural do Concello de Padrón, Beatriz Lorenzo Vázquez.

Da obra gañadora, que será publicada e pola que Milagros Clotilde Agustina Pérez Villanueva recibirá un premio en metálico de 1.500 euros, o xurado destacou o seguinte: “Trátase dun texto orixinal e de marcada personalidade, de linguaxe chea de lirismo, sinxela pero de complexas referencias entre as que destacan as do mundo popular e biográfico”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome