O servizo público de tradución Gaio incorpora vocabulario dos ámbitos xurídico e administrativo

En dous anos o portal impulsado pola Amtega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística rexistrou máis de 2,6 millóns de visitas e traduciu 430 millóns de palabras

244
Captura de pantalla do renovado servizo de tradución
Publicidade

O servizo público de tradución Gaio acaba de ser actualizado coa incorporación de tres clases de vocabulario específico diferentes: o xeral, o administrativo (con nomenclatura das administracións galegas e nomes propios de lugares e persoas) e o xurídico (con terminoloxía propia do campo xudicial e lexislativo).

Este portal, que foi impulsado hai dous anos desde a Amtega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, rexistrou neste tempo máis de 2,6 millóns de visitas e traduciu 430 millóns de palabras. Trátase dunha ferramenta moi útil e operativa á hora de realizar traducións directas ou inversas de textos e webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán.

Xunto coa incorporación do novo vocabulario específico, a última actualización inclúe ademais unha renovación do deseño e a mellora e simplificación do funcionamento do tradutor, que agora permite introducir na mesma caixa tanto o texto como a url da web que se quere traducir.

Esta nova versión de Gaio está adaptada a todos os dispositivos móbiles, permite reverter nun só clic o sentido da tradución e copiar, tamén nun só clic, o texto traducido. Outra das novidades é a tradución inmediata, que se vai xerando mentre o usuario introduce o texto orixinal.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome