O Ulla Pontecesures lamenta os cánticos insultantes e descúlpase co C.D. Rois e a súa afección

O presidente da entidade a través dunha carta dirixida ao equipo veciño e o adestrador a través das redes sociais expresan o seu pesar polo acontecido e amosan o seu respecto polo C.D. Rois

822
Publicidade

 

“Queremos desde a entidade Ulla Pontecesures C.F. pedir as nosas máis sinceras desculpas ao C.D. Rois, á Federación Galega de Fútbol e a todas as persoas que se poideran sentir ofendidas tras os lamentables feitos acontecidos o pasado 3-02-2018 ao remate do partido de fútbol entre o Ulla Pontecesures C.F. e o C.D. Rois. Feitos que só poden ser recibidos con indignación”. Así comeza a carta que o presidente do Ulla C.F., Ricardo Somoza Rey, dirixe ao C.D. Rois para solicitar desculpas en nome da entidade que representa, despois dos desafortunados e ofensivos cánticos cos que os xogadores do equipo da Segunda Autonómica Xuvenil (Grupo 6º de Santiago) celebraron o pasado sábado a súa vitoria fronte ao club veciño do C.D. Rois.

Dita celebración foi recollida na acta do partido polo colexiado e, tras ser compartida nas redes sociais, provocou numerosas mensaxes de indignación. En resposta ao malestar suscitado especialmente entre a afección do C.D. Rois, e nunha reacción que os honra, o presidente do Ulla Pontecesures C.F. asegura que desde a directiva tomarán “as medidas internas oportunas para que nunca máis se volvan producir ditos feitos”, dos que aseguran sentirse “sinceramente avergoñados”. “Non podemos máis que volver pedirlle perdón ao C.D. Rois como principal afectado e polo que sentimos un profundo respecto”, continúa a carta.

“O fútbol é un deporte transmisor de moitos valores que contribúen ao desenvolvemento integral das persoas e o Ulla Pontecesures C.F. porá todo o seu empeño e tesón en contribuír aos mesmos para que non se volvan repetir feitos tan deplorables como os do pasado sábado”, engade Ricardo Somoza.

A esta desculpa oficial tamén se sumou nas redes sociais o adestrador do Ulla Pontecesures, Daniel González, que asegura “lamentar profundamente” o acontecido, ao igual que os propios xogadores: “os xogadores, despois da quentura, tamén o están [arrepentidos] e queren pedir perdón ao Rois”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome