Na cor granate aparecen os municipios con máis de 100 niños de vespa velutina detectados en 2017
Publicidade

O Concello de Padrón publicaba esta mañá na súa páxina de Facebook un vídeo de efectivos do Grupo de Emerxencias Municipal (GES) retirando un niño de vespa velutina no lugar da Barca -levan eliminados 330 niños no que vai de ano entre Padrón, Rois e Dodro- e aos poucos minutos o fío enchíase de comentarios de veciños informando da existencia de niños de velutina en diferentes puntos do municipio.

Segundo os últimos datos proporcionados pola Consellería do Medio Rural, o Concello de Padrón é un dos numerosos municipios galegos nos que este ano se detectaron máis de 100 niños de vespa velutina. Tal e como se pode comprobar no seguinte mapa, a meirande parte deses concellos atópanse na provincia da Coruña, aínda que tamén municipios pontevedreses como A Estrada ou Lalín figuran neste grupo de concellos con maior presenza desta especie invasora.

Este mapa elaborado pola Consellería do Medio Rural informa da detección de niños de vespa velutina por concellos no ano 2017

Sen dúbida, a praga da vespa asiática está a copar boa parte das actuacións dos grupos de emerxencias en toda Galicia, especialmente despois da alarma xerada tralo recente falecemento dun home de 54 anos no Porriño tras un ataque masivo de velutinas. O propio plan de vixilancia e control desta especie invasora deseñado pola Administración autonómica establece un mapa que divide o territorio e os órganos de actuación entre concellos colaboradores, GES, efectivos da Consellería de Medio Ambiente e persoal da Consellería do Medio Rural.

Ademais, tamén se apela á colaboración cidadá para tentar minimizar o impacto deste insecto invasor que ameaza ás colmeas e pon en perigo o futuro da produción apícola, mermando o importante papel polinizador que desenvolven as abellas. Así, a Consellería do Medio Rural pide que calquera persoa que detecte un niño de vespas velutinas que informe ao 012 ou ao 112 para que o persoal adscrito nesa zona poida levar a cabo as accións precisas para neutralizar ou retirar o niño.

CHEGARON A EUROPA EN 2003 PROCEDENTES DE CHINA

Desde que a vespa velutina chegara ao continente europeo procedente de China aló polos anos 2003 ou 2004 -supostamente nun cargamento que arribou ao porto de Burdeos (Francia)-, foise propagando por diferentes países, entre os que España non é unha excepción. País Vasco, Aragón e Cataluña foron as primeiras comunidades en detectar niños desta especie e, precisamente por ser as primeiras en descubrilos, tamén foron pioneiras á hora de experimentar diferentes formas de combater o seu proceso colonizador.

As diferentes alternativas, con recursos máis profesionais ou caseiros, poden consultarse por ducias en vídeos e tutoriais en internet e a día de hoxe moitas delas están a ser aplicadas en Galicia tanto desde as administracións como por empresas especializadas e incluso polos propios veciños do rural. Estamos a falar, por exemplo, de pértigas para inocular insecticida nos niños, pértigas-soplete para queimalos, “arpas eléctricas” ou trampas de elaboración caseira.

Eliminación cunha pértiga-soplete dun niño de velutina en altura a cargo do GES de Padrón

Eliminación dun niño de velutina en altura cun drone que inocula insecticida a cargo da empresa Aerocámaras

Instrucións para a construción dunha “arpa eléctrica”

Instrucións da Xunta de Galicia para a fabricación de trampas artesanais contra a vespa velutina

Máis información sobre a vespa velutina nas seguintes ligazóns:

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome