Patrimonio emprega técnicas de restauración virtual para recuperar o Altar do Sol, en Alperiz

O local social desta parroquia lalinense acollerá unha charla o domingo 17 de decembro ás 12.30 horas para divulgar o valor arqueolóxico deste xacemento

255
A Consellería de Cultura desenvolve desde 2015 diferentes traballos de conservación nas mámoas da Cruz, en Alperiz
Publicidade

 

Técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acaban de iniciar os traballos de limpeza e roza da vexetación, rexistro fotogramétrico e restauración virtual do túmulo 5 das mámoas da Cruz, en Alperiz (Lalín), coñecido como o Altar do Sol.

Con estas actuacións, nas que se empregan novidosas técnicas de restauración virtual, preténdese seguir poñendo en valor este xacemento e permitir a correcta visualización e o rexistro das pedras que compoñen o valo da finca situado ao seu carón. Para iso realizarase un rexistro 3D, escalado e xeorreferenciado, mediante fotogrametría dixital, do Altar do Sol e das pedras do valo anexo. A partires deses datos, construirase un modelo 3D texturizado do xacemento e das pedras do valo coa restauración dixital.

Segundo informou hoxe a consellería, con estes traballos dáselle continuidade ás accións realizadas desde 2015 neste espazo, que se explicarán o vindeiro domingo 17 de decembro nunha charla que se celebrará no local social de Alperiz, a partires das 12.30 horas. A finalidade deste acto é divulgar o valor arqueolóxico deste xacemento lalinense, no que o departamento dirixido por Román Rodríguez ten investido nos últimos anos máis de 30.000 euros en diferentes actuacións de escavación e posta en valor.

Cómpre sinalar que os traballos máis recentes de recuperación deste xacemento comezaron no ano 2015 coa posta en valor da mámoa da Cruz nº 5, mediante unha limpeza de vexetación e corta de árbores no espazo no que se atopa a cámara megalítica e a súa contorna inmediata, así como do escavado de parte da estrutura para avaliar o sistema construtivo da mesma. Unha vez rematada a intervención arqueolóxica realizouse mediante o uso dun dron a fotogrametría completa da totalidade do xacemento e da súa contorna inmediata, modelo 3D, así como o rexistro fotográfico do estado final da escavación, que incluíu a realización dunha ortofoto xeorreferenciada.

No 2016 acometéronse diferentes traballos para a posta en valor da mámoa da Cruz nº 1, consistentes na limpeza de vexetación, restitución da masa tumular naquelas zonas que foran intervidas en anteriores actuacións arqueolóxicas e na consolidación e adecuación das estruturas. Asemade, realizouse un levantamento planimétrico exhaustivo do túmulo e instalouse un panel de información sobre a necrópole megalítica da Cruz en xeral e a mámoa da Cruz 1 en particular.

Os traballos arqueolóxicos realizados permitiron obter unha grande cantidade de información sobre o xacemento, a súa planta orixinal e características construtivas, así como sobre as súas diferentes fases de espoliación. Ademais, descubriuse que un ortostato que conformaba a cámara contiña restos de pintura. Ao abeiro destes achados, encargáronse os traballos de limpeza e documentación da arte megalítica desta Mámoa da Cruz nº 1. Entre os resultados desa intervención pode destacarse a evidencia de restos de gravado e de pintura branca (nunca documentados) na lousa C1; e o descubrimento de máis gravados dos coñecidos e nas lousas C2 e C3.

Desde a Consellería de Cultura destácase que no desenvolvemento dos traballos sobre a mámoa nº 1 apareceu un vaso de cerámica completo e sen decoración cunha tipoloxía moi característica, de comezos da Idade do Bronce, hai aproximadamente uns 4.000 anos.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome