A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no centro, durante a presentación do festival "O Son do Camiño"
Publicidade

 

Galicia entrará de cheo este ano no mapa dos grandes acontecementos musicais co festival “O Son do Camiño”, que traerá ao renovado parque do Monte do Gozo entre o 28 e o 30 de xuño a artistas e bandas de renome internacional como The Killers, Lenny Kravitz, Jamiroquai, Franz Ferdinand, Martin Garrix, Two Door Cinema Club ou Mando Diao.

A presentación do festival tivo lugar na Cidade da Cultura e contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira. Nas súas intervencións, explicaron que “O Son do Camiño” forma parte dunha ampla programación musical por todo o territorio, xa que tamén se organizarán concertos nas principais cidades da Comunidade.

“O Son do Camiño” desenvolverase durante tres días, do 28 ao 30 de xuño, no espazo de festivais do Parque Monte do Gozo, que está a ser remodelado e que terá unha capacidade de 24.000 asistentes cada xornada. O recinto contará con dous escenarios, área de restauración, mercadiño e unha zona de acampada.

O cartel do macrofestival, con nomes que en moitos casos visitarán Galicia por primeira vez, intégrano tamén León Benavente, The Gift, C. Tangana, La M.O.D.A., Carlos Sadness, Toundra, The Last Internationale, Talisco, Morgan, Rufus T. Firefly e Plya. Ademais, haberá unha nutrida representación de grupos galegos como Novedades Carminha, Triángulo de amor bizarro, Eladio y los Seres Queridos, Arce, Malandrómeda, Bala, Furious Monkey House, True Mountains e Agoraphobia. E, segundo indicaron o conselleiro e a directora de Turismo de Galicia, aínda poderían sumarse novos artistas.

Os abonos poranse á venda a partir do 1 de marzo na web oficial do festival e en Ticketea, cun prezo especial de lanzamento de 39 euros. Ademais, como parte desta programación, haberá seis concertos nas principais cidades, que se irán dando a coñecer proximamente.

Con este festival, a Xunta “pretende contribuír á promoción da imaxe de Galicia no ámbito internacional a través dun dos seus principais activos turísticos e culturais: o Camiño de Santiago”. Ademais, considera que “será unha oportunidade para difundir os valores e o talento local, para reforzar o tecido empresarial galego e para fomentar a colaboración público-privada, co desenvolvemento dunha programación cultural de maneira conxunta e coordinada”.

Román Rodríguez explicou que o vindeiro Xacobeo 2021 nace cunha nova filosofía que abrangue non só un ano, senón que “comeza neste 2018 coa programación que hoxe presentamos e esténdese durante os vindeiros anos 2019, 2020 e 2021”. O conselleiro de Cultura puxo en valor o papel relevante que xoga a cultura feita en Galicia, “que, sen dúbida, terá un protagonismo especial dentro do Xacobeo. O Son do Camiño é un bo comezo nesta senda”. Ademais, destacou a potencia da Comunidade á hora de organizar festivais e, neste sentido, avanzou que este ano se incrementarán as axudas en concorrencia competitiva para festivais, pasando dos 220.000 aos 280.000 euros.

Impacto económico

Segundo indicaron na presentación os representantes do Goberno autonómico, con este macrofestival agárdase tamén un notable impacto económico para Santiago de Compostela, a súa área de influencia e, en xeral, para Galicia. Ao compromiso do festival co tecido económico galego súmase que contratará un 80% das súas necesidades a empresas da Comunidade.

“O Son do Camiño”, unha iniciativa de la UTE formada polas empresas Old Navy Port Producciones, S.L. e Esmerarte Industrias Creativas, S.L., patrocinada pola Xunta de Galicia e coa colaboración de Estrella Galicia, aspira a converterse no principal festival de música independente de Galicia polo deseño da súa programación, capacidade de convocatoria e repercusión fóra dos nosos límites. Ademais, preséntase “como un festival sustentable e respectuoso co medio, adaptado aos recursos sociais, económicos e ambientais dispoñibles”. Desde a Xunta de Galicia apúntase que “este festival será só o punto de partida da programación musical do vindeiro Xacobeo 2021”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome