O Museo do Pobo Galego, Antón Fraguas e o Foxo do Lobo, protagonistas de “Cuspedriños10”

A exposición do 40 aniversario do Museo do Pobo Galego instalarase o xoves na casa consistorial de Carballedo, onde permanecerá ata o día 14

430
Publicidade

O presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou hoxe a parte final da programación das segundas Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais “Cuspedriños10”, que acollen esta semana a maioría das súas actividades: unha exposición itinerante sobre o 40 aniversario do Museo do Pobo Galego, unha charla sobre a figura do escritor, historiador e etnógrafo Antón Fraguas e o Roteiro do Foxo do Lobo de Arufe (Loureiro).

Estas accións están organizadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade e a Fundación Antón Fraguas coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia e o Museo do Pobo Galego.

Para pasado mañá xoves está prevista a apertura dunha mostra por mor do 40 aniversario do Museo do Pobo Galego, que permanecerá instalada no salón de actividades da casa consistorial de Carballedo ata o martes 14.

Xa o venres haberá unha charla-coloquio sobre a figura do insigne cotobadés Antón Fraguas, a cargo do seu biógrafo, Clodio González Pérez, xa que o Concello cre que a figura de Fraguas debe recibir un maior recoñecemento e posta en valor pola súa importancia na cultura galega. Esta actividade desenvolverase desde as 11.00 horas no IES de Cotobade.

O domingo 12 de novembro celebrarase o Roteiro do Foxo do Lobo, entre Carballedo e Arufe, tras o éxito de participación colleitado na edición das I Xornadas “Cuspedriños10” e a alta demanda e interese existentes sobre este percorrido e os seus misterios. A andaina, de execución sinxela, partirá ás 10.30 horas da Praza do Concello de Carballedo e contará coas explicacións dos profesores Xosé Manuel González Reboredo e Fuco Sanjiao. A actividade é gratuíta e non precisa de inscrición previa.

Esta iniciativa, xurdida en 2016 co obxectivo de complementar á Feira de Cuspedriños máis aló dos aspectos lúdicos e de estender o seu obxectivo de honrar ao pasado e á historia de Cotobade durante distintas épocas do ano, xa arrancou o pasado mes de outubro cunha recollida tradicional de castañas e un magosto familiar no antigo mercado de Cuspedriños e co Roteiro de San Xusto, cun percorrido guiado entre a mítica carballeira e a Ponte Nova.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome