Xuventude presenta o Espazo Emprende de Lalín para facilitarlle á mocidade o inicio dos seus negocios

98
A directora xeral de Xuventude e o alcalde de Lalín participaron na presentación do Espazo Emprende
Publicidade

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou hoxe o novo Espazo Emprende de Lalín -antes denominado Espazo Xove-, onde os mozos e mozas poderán impulsar os seus proxectos de emprendemento a través do coworking. Nestas instalacións, os usuarios disporán tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas.

Vázquez destacou a importancia deste espazo para converter á mocidade en motor da dinamización económica de Lalín e a súa contorna: “esta iniciativa vai encamiñada a darlles un espazo onde desenvolver os seus proxectos, pero tamén onde atopar unha serie de apoios que van desde o asesoramento para a constitución de empresas, acceso a financiamento e mercadotecnia ata accións formativas, de titorización e asesoramento individualizado e formación e coaching persoal”.

Os mozos e mozas que se animen a utilizar o Espazo Emprende terán a oportunidade de impulsar e potenciar a viabilidade das súas ideas de negocio desde un primeiro momento, aínda que as accións continuadas de acompañamento que se desenvolverán lles permitirán continuar cunha dinámica de crecemento e mellora. O prazo para que se inscriban nesta iniciativa ábrese este mes.

Ademais, ao longo do ano se organizarán encontros sectoriais para crear unha dinámica de diálogo e coñecemento entre a xuventude e os axentes económicos do territorio, en Galicia pero tamén no norte de Portugal. Así mesmo, estas relacións estableceranse coas empresas galegas e lusas co fin de reforzar o achegamento dos emprendedores novos á realidade do seus tecidos empresariais e que poidan valorizar os seus recursos e potencialidades.

Xunto co centro de Lalín, Galicia contará cunha rede de Espazos Emprendedores situados en Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Ourense, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Tui e Vilagarcía de Arousa. Esta rede alcanzará tamén ao norte de Portugal, a través da Oficina transfronteiriza de información xuvenil Galicia-Norte de Portugal sita en Verín e dos centros de atención cos que conta o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude e a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas en Minho-Lima, Cádavo, Ave, Grande Porto, Támega e Alto Tras os Montes.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, escribe o teu comentario
Por favor, escribe aquí o teu nome